Thursday 25 de April de 2024

O Mercado Ecolóxico congrega a centos de coruñesas e coruñeses no Campo da Leña, coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente


Durante a mañá de hoxe leváronse a cabo diversos talleres infantís e coloquios informativos orientados a concienciar a cidadanía sobre a importancia da economía circular e a sostibilidade

O Campo da Leña, no barrio de Monte Alto, foi hoxe o punto de encontro de centos de persoas que, ao longo da mañá, gozaron coas actividades programadas no contexto do Mercado Ecolóxico, impulsado polo Concello da Coruña co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente.

A concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, Diana Sobral, e a concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, presenciaron os diversos talleres e coloquios informativos que tiveron lugar de 11.00 a 14.00 horas, abertos a todo tipo de públicos e orientados, especialmente, ás novas xeracións, co obxectivo de concienciar as pequenas e pequenos sobre a relevancia de promover a economía circular no día a día dos fogares, así como a correcta reciclaxe dos residuos orgánicos e inorgánicos.

Durante a xornada, as persoas asistentes ao Mercado Ecolóxico puideron gozar con xogos xigantes, sorteos e concursos, degustacións gastronómicas e música ambiente.